Tes unha idea para un produto, comentas un novo concepto de negocio ou desenvolves unha proposta diferente e, meses despois, descobres algo sorprendentemente parecido no mercado. A primeira reacción é case inevitable “copiáronme a idea ou a marca”.
Pero hai unha pregunta previa que poucas veces nos facemos, pódese ser propietario dunha idea?
A resposta non é tan sinxela como parece. Unha idea, entendida como un concepto xenérico, non queda automaticamente protexida polo simple feito de tela pensado antes. O que si pode protexerse, dependendo do caso, son determinadas materializacións desa idea por exemplo unha invención, unha marca, un deseño, un texto, un software ou outra creación concreta.
Entender esta diferenza pode evitar moitos problemas, especialmente para persoas autónomas, emprendedores e pequenas empresas que están constantemente creando novos produtos, servizos ou formas de facer as cousas.
Da idea ao activo, que é exactamente o que creaches?
Imaxinemos que alguén pensa en abrir unha cafetería pensada especificamente para persoas que traballan en remoto. A idea xeral dun establecemento destas características non lle concede automaticamente un dereito exclusivo sobre o concepto.
Pero arredor desa idea poden aparecer elementos que si sexan susceptibles de protección como o nome e a identidade da marca, un deseño determinado, o software creado para xestionar o servizo, os contidos propios, unha solución técnica innovadora ou determinada información empresarial confidencial.
Por iso, cando unha empresa di “quero protexer a miña idea”, a primeira pregunta debería ser outra “Que hai dentro desa idea que realmente ten valor e como se pode protexer?”
Non todo se protexe da mesma maneira
Neste punto é onde radica un dos principais erros xa que en moitos casos só se busca unha única fórmula para protexer todo o proxecto, cando na práctica un mesmo negocio pode necesitar diferentes ferramentas. Deste modo, a marca pode protexer os signos que identifican produtos ou servizos e permiten diferencialos no mercado. Unha patente ou, cando proceda, un modelo de utilidade pode servir para determinadas innovacións técnicas que cumpran os requisitos establecidos. O deseño industrial pode protexer a aparencia dun produto cando se dan as condicións necesarias.
Os dereitos de autor poden entrar en xogo en creacións como textos, fotografías, ilustracións, determinados programas informáticos ou outras obras originales.
E o segredo empresarial pode resultar relevante para información confidencial que ten valor para o negocio precisamente porque non é coñecida polos competidores.
A realidade é que un único proxecto pode combinar varias destas proteccións.
Pensalo antes non ten maior protección
Ter correos electrónicos, documentos, bosquexos ou arquivos que acrediten que unha persoa estaba traballando previamente nun proxecto pode ser relevante en determinados contextos, pero non significa automaticamente ter un dereito exclusivo sobre calquera desenvolvemento posterior dunha idea similar.
Dúas empresas poden chegar de forma independente a conceptos parecidos.
Por iso é importante non confundir tres cousas diferentes, ter unha idea, poder demostrar cando se traballou nela e contar cun dereito que permita impedir determinados usos por parte de terceiros, todas son situacións distintas.
Antes de contala, pensa que estás compartindo
Outro momento especialmente sensible chega cando necesitamos explicar a idea a otros, a un posible socio, un fabricante, unha axencia ou un provedor. Certo é que, para facer avanzar un proxecto é normal compartir información, pero non sempre é necesario revelar todo desde o primeiro contacto.
Antes de facelo convén identificar que información é realmente sensible, comprobar se existen activos que deberían protexerse previamente e valorar medidas de confidencialidade cando sexan adecuadas.
A clave non está en desconfiar de todos os colaboradores, senón en incorporar a protección á maneira habitual de desenvolver un proxecto.
A mellor protección comeza antes de ter un problema
Pensar na protección cando aparece unha copia pode ser demasiado tarde.
Incorporala desde as primeiras fases permite tomar decisións con máis información xa que se revisa que rexistrar, que manter confidencial, que documentar e que se pode compartir sen comprometer o valor futuro do proxecto.
E isto non é algo reservado ás startups tecnolóxicas ou ás grandes compañías. Un novo envase, unha ferramenta, unha solución para o sector primario, un produto artesanal, unha aplicación ou unha metodoloxía empresarial poden conter elementos innovadores que merece a pena identificar.
Así que, antes de preguntarte “que fago se me copian?”, pode ser moito máis útil facerte outra pregunta, “que podo protexer antes de que alguén queira copiarme?”
Porque ter unha boa idea é o principio. Saber identificar onde está o seu verdadeiro valor e protexelo pode ser o que permita convertela nunha vantaxe para o negocio.
Dispoñer de apoio personalizado, como o que ofrece a Oficina Económica de Galicia, pode ser clave para unha implementación exitosa. Solicita asesoramento especializado gratuíto e aproveita os recursos dispoñibles para impulsar o teu negocio.