Xestión interxeracional, cando os equipos con distintas idades, se converten nun valor estratéxico para as pemes galegas

Nunha pequena ou mediana empresa, o equipo humano é un dos recursos máis valiosos. Cada persoa achega a súa experiencia, visión e forma de traballar, e cando estas diferenzas están ligadas á idade, falamos de equipos interxeracionais. A convivencia entre diferentes xeracións nunha mesma empresa, desde persoas veteranas ata novas incorporacións da Xeración Z, ofrece unha oportunidade única para sumar coñecemento, innovación e adaptabilidade. Saber xestionar esa diversidade é clave para acadar un ambiente laboral máis rico e produtivo. 

O valor do talento sénior 

As persoas maiores de 50 ou 55 anos seguen sendo un activo fundamental no tecido produtivo galego. Con décadas de experiencia ás súas costas, coñecen a fondo o sector, o mercado, a clientela e a propia historia da empresa. A súa capacidade para resolver problemas, prever riscos e transmitir coñecemento é un recurso estratéxico que moitas veces se desaproveita por falta de políticas de xestión adaptadas. 

Apostar polo talento sénior nas pemes significa: 

  • Evitar a perda de coñecemento clave. 
  • Dar estabilidade aos equipos. 
  • Mellorar a toma de decisións con visión a longo prazo. 
  • Fomentar o acompañamento de novas incorporacións. 

Ideas prácticas: 

  • Crear roles de mentoría interna. 
  • Aproveitar o seu coñecemento para formar a outros compañeiros. 
  • Implicalos en procesos de mellora continua e revisión de procedementos. 

A incorporación das xeracións máis novas 

As xeracións máis novas, como a Xeración Z (nados a partir de 1996) ou a Xeración Alpha, chegan ao mundo laboral con novas expectativas, competencias dixitais avanzadas e unha visión moi diferente do traballo e das relacións laborais. 

Estas persoas valoran a flexibilidade horaria e a conciliación, prefiren culturas colaborativas e horizontais, apostan polo impacto social e medioambiental das empresas e teñen unha gran capacidade de aprendizaxe e adaptación tecnolóxica. 

Que poden facer as pemes galegas? 

  • Crear espazos onde poidan propoñer ideas e melloras. 
  • Potenciar a súa implicación en proxectos de transformación dixital. 
  • Fomentar a súa formación e evolución dentro da empresa, sen encasillalos. 

Formación cruzada: aprendizaxe entre xeracións 

Unha das formas máis efectivas de poñer en valor a diversidade xeracional é promover a aprendizaxe cruzada. As persoas máis novas poden ensinar o uso de novas ferramentas dixitais, mentres que o persoal sénior pode transmitir metodoloxías, coñecementos do sector ou habilidades sociais clave. 

Este tipo de formación bidireccional: 

  • Reforza o sentimento de equipo. 
  • Reduce prexuízos e mellora a comunicación interna. 
  • Axuda a adaptar a empresa aos cambios sen perder a súa esencia. 
  • Propostas concretas: 
    • Crear parellas ou grupos interxeracionais para proxectos específicos. 
    • Facer xornadas de “intercambio de competencias”. 
    • Estimular espazos de diálogo onde todas as xeracións poidan expresar as súas ideas. 

En definitiva, a diversidade de idades nas pemes non é un problema a xestionar, senón unha oportunidade a potenciar. Cada xeración achega valores, visións e competencias complementarias polo que apostar pola xestión interxeracional é construír equipos máis fortes, máis adaptables e máis capaces de enfrontar os retos actuais e futuros. 

Na Oficina Económica de Galicia animamos ás empresas a desenvolver políticas que recoñezan e potencien esta riqueza xeracional, como parte dunha estratexia centrada nas persoas, na innovación e no crecemento sostible.