Contratar unha persoa é un investimento de tempo, recursos e expectativas. Por iso, resulta sorprendente que moitas empresas dediquen semanas ou meses ao proceso de selección, pero apenas planifiquen a incorporación do novo profesional unha vez asinado o contrato.
Os primeiros días nunha organización son determinantes. Nese curto período de tempo, a persoa constrúe a súa primeira impresión sobre a empresa, os seus compañeiros, a forma de traballar e incluso as posibilidades de desenvolvemento profesional que terá no futuro.
Un proceso de integración ben deseñado, coñecido como onboarding, pode marcar a diferenza entre un empregado comprometido que permanece anos na organización ou unha incorporación que remata prematuramente.
Que é realmente o onboarding?
Moitas empresas identifican o onboarding coa entrega de documentación, a explicación de procedementos ou a presentación ao resto do equipo. Con todo, vai moito máis alá.
O onboarding é o proceso que permite que unha nova incorporación se adapte á empresa, comprenda a súa cultura, coñeza as súas responsabilidades e adquira as ferramentas necesarias para desempeñar o seu traballo con éxito.
Non se trata só de explicar como funciona a organización, senón de axudar á persoa a sentirse parte dela desde o primeiro momento.
Por iso achegamos ás 3 claves esenciais para facer de eses primeros momentos unha experiencia única e positiva para as novas incorporacións:
1. Preparar a chegada antes do primeiro día
A integración non comeza cando o empregado cruza a porta da oficina, senón antes.
Dispoñer do posto de traballo preparado, facilitar os accesos ás ferramentas necesarias, informar ao equipo da nova incorporación ou compartir previamente información básica sobre a empresa son pequenos detalles que transmiten organización e profesionalidade.
Pola contra, situacións como non ter ordenador dispoñible, descoñecer as tarefas asignadas ou non saber quen será a persoa de referencia poden xerar inseguridade desde o inicio.
2. Acompañar e comunicar
Os primeiros días adoitan estar cheos de información nova. Procesos internos, ferramentas, persoas, responsabilidades ou normas de funcionamento forman parte dunha aprendizaxe acelerada.
Por iso, é recomendable designar unha persoa de referencia que poida resolver dúbidas e facilitar a adaptación.
Ademais, unha comunicación clara sobre expectativas, funcións e obxectivos axuda a reducir a incerteza e permite que a nova incorporación gañe confianza máis rapidamente.
As persoas non só necesitan saber que teñen que facer, senón tamén entender como contribúe o seu traballo aos obxectivos da organización.
3. Facer seguimento durante as primeiras semanas
Un dos erros máis frecuentes consiste en considerar que a integración remata tras o primeiro día ou a primeira semana.A realidade é que o proceso de adaptación require tempo. Realizar reunións de seguimento, solicitar feedback e interesarse polas dificultades que poidan xurdir permite detectar problemas antes de que se convertan en motivos de desmotivación ou abandono.
Estas conversas tamén ofrecen unha oportunidade para reforzar a relación entre a empresa e o empregado, demostrando que a organización se preocupa polo seu desenvolvemento e benestar.
O custo de non integrar correctamente
Un onboarding deficiente pode ter consecuencias importantes para a empresa.
A falta de información, a sensación de desorganización ou a ausencia de acompañamento adoitan traducirse en menores niveis de compromiso, máis erros durante o período de adaptación e unha maior probabilidade de abandono nos primeiros meses.
Para as pemes, onde cada contratación adoita ter un impacto significativo na actividade diaria, estas saídas prematuras supoñen ademais un custo económico asociado á selección, formación e substitución do persoal.
Por iso, adicar tempo a planificar unha boa acollida, facilitar a integración e acompañar ás persoas durante os seus primeiros meses non require grandes investimentos. Con frecuencia, son as pequenas accións as que xeran un maior impacto.
Porque os primeiros días nunha empresa non só determinan como traballará unha persoa, en moitas ocasión tamén condicionan canto tempo decidirá quedar nela.
Se a túa peme quere identificar e potenciar as súas vantaxes competitivas fronte a empresas de maior tamaño, solicita asesoramento personalizado e desde a Oficina Económica de Galicia axudarémosche a definir a estratexia máis axeitada para o teu negocio.