Se estás a pensar en emprender, elixir a forma xurídica da túa empresa é unha das decisións máis importantes. Esta elección determinará aspectos clave como a responsabilidade dos socios, o capital necesario ou as obrigacións fiscais.
En España, existen case unha vintena de formas xurídicas, pero as máis utilizadas son seis:
1. Empresario individual (autónomo)
É a opción máis sinxela para empezar un negocio. O autónomo é o único responsable da empresa e responde co seu patrimonio persoal ante posibles débedas.
- Vantaxes: fácil de constituír, sen capital mínimo e con menos trámites administrativos.
- Inconveniente: o empresario asume todos os riscos e responde cos seus bens persoais.
2. Sociedade de Responsabilidade Limitada (SL)
É a forma xurídica máis común para pequenas e medianas empresas. Necesítase un capital mínimo de 1 euro e a responsabilidade dos socios está limitada ao capital achegado.
- Vantaxes: protexe o patrimonio persoal e permite maior estabilidade na empresa.
- Inconveniente: implica máis trámites e obrigacións contables que o autónomo.
3. Sociedade Anónima (SA)
Deseñada para grandes empresas, permite captar investimento a través de accións e require un capital mínimo de 60.000 euros.
- Vantaxes: facilidade para obter financiamento e responsabilidade limitada dos socios.
- Inconveniente: maior complexidade administrativa e altos custos de xestión.
4. Sociedades Civiles (SC)
Contrato polo que dúas ou máis persoas poñen en común capital co propósito de repartir entre sí as ganancias. Caracterízase por ser un contrato mediante documento privado, no que as aportacións das persoas socias se integran na sociedade e a responsabilidade é solidaria e ilimitada dos socios entre sí.
- Vantaxe: Constitución máis sinxela e económica que as sociedades mercantís ao non ser obrigatoria a escritura pública, capital mínimo ou inscripción no Rexistro Mercantil (salvo excepcións).
- Inconveniente: Responsabilidade ilimitada dos socios fronte a debedas da sociedade contraídas con terceiros.
5. Sociedade Cooperativa
Empresa xestionada democraticamente polos seus socios, onde cada membro ten un voto. É habitual en proxectos sociais ou de economía colaborativa.
- Vantaxes: xestión democrática e beneficios fiscais.
- Inconveniente: require un número mínimo de socios e unha estrutura organizativa máis complexa.
6. Sociedade Comanditaria
Combina dous tipos de socios: os que xestionan o negocio con responsabilidade ilimitada e os que só invisten, con responsabilidade limitada.
- Vantaxes: permite atraer investimento sen que os socios comanditarios teñan que xestionar a empresa.
- Inconveniente: administración máis complexa e maior coordinación entre socios.
Se tes dúbidas sobre que forma xurídica se adapta mellor ao teu negocio, poñemos á túa disposición un equipo de técnicos especializados que te asesorarán sen compromiso. Contacta connosco cubrindo o cuestionario e recibe orientación personalizada para poñer en marcha a túa empresa coa mellor estrutura legal.