O control orzamentario: clave para a xestión financeira e o éxito empresarial

O control orzamentario é unha ferramenta fundamental na xestión financeira da nosa empresa, debemos ter en conta que a elaboración dos orzamentos futuros supón un elevado grao de incerteza, é por isto polo que os orzamentos non se fan para ver se acertamos ou non coas nosas predicións, en realidade, confeccionámolos para cuantificar o que cremos que vai pasar no futuro.

Así, poderemos tomar decisións a tempo para tentar incidir sobre o futuro da nosa empresa e lograr que sexa máis favorable.

O control orzamentario tamén nos serve para ver a evolución do negocio ao comparar o previsto co real.

Que necesitamos para confeccionar os nosos orzamentos?

  • Determinar cales son os obxectivos da nosa empresa.
  • Especificar de que medios dispoñemos para lograr eses obxectivos (persoal, maquinaria, etc.)

Cal é o proceso para elaborar o noso orzamento anual?

Este proceso implica a recompilación de datos históricos, proxeccións de ingresos e gastos, e a participación dos diferentes departamentos para asegurar que o orzamento reflicte a realidade da empresa.

Iniciarémolo co orzamento de vendas, nel detallaremos as vendas anuais por meses e por produtos ou servizos. Para iso podemos estudar as vendas dos exercicios anteriores, realizar estudos de mercado para coñecer o sector, aos clientes, etc. É un orzamento que está relacionado coa parte comercial da empresa.

A continuación, elaboramos os seguintes orzamentos:

  • Orzamento de produción de produtos: determinaremos o número de unidades que se van producir nun ano.
  • Orzamento de consumos, compras… a partir da produción prevista, debemos determinar o consumo previsto.
  • Orzamento de man de obra directa e doutros gastos de produción: a partir dos datos de anos anteriores, determinamos as necesidades de man de obra directa en tempo.
  • Orzamento de gastos de estrutura: estimamos aqueles custos que o negocio ten de forma recorrente, serían os gastos fixos.
  • Orzamento de gastos de comercialización: comisións, transportes, etc.

Unha vez elaborados os orzamentos anteriores, integrariámolos obtendo así unha conta de perdas e ganancias provisional. Así obteriamos unha estimación do resultado futuro da nosa empresa.

Unha vez que o orzamento está en marcha, é crucial realizar un seguimento regular dos resultados. Isto implica comparar os gastos reais cos orzados e analizar as variacións que se produzan.

O control orzamentario é esencial por varias razóns:

1. Planificación financeira

Permite ás empresas establecer metas financeiras claras e definir como alcanzalas. Un orzamento ben elaborado actúa como un mapa que guía á organización no seu camiño cara ao éxito.

2. Toma de decisións

Proporciona información valiosa que axuda aos xerentes para tomar decisións informadas. Ao analizar as variacións entre o orzamento e os resultados reais, pódense identificar áreas que requiren atención e axustar as súas estratexias en consecuencia.

3. Control de custos

Facilita o seguimento dos gastos, o que axuda a previr desviacións significativas do orzamento. Isto é crucial para manter a rendibilidade e evitar problemas financeiros.

4. Responsabilidade

Fomenta a rendición de contas dentro da organización. Ao asignar orzamentos a diferentes departamentos ou proxectos, establécese un sentido de responsabilidade nos xerentes e empregados, quen debe xustificar os seus gastos.

5. Avaliación do desempeño

Permite avaliar o desempeño financeiro da empresa. Ao comparar os resultados reais cos orzados, pódense identificar tendencias e áreas de mellora.

En resumo, o control orzamentario é unha ferramenta fundamental na xestión financeira de calquera empresa, independentemente do seu tamaño ou sector. Este proceso implica a planificación, execución e seguimento dos orzamentos, permitindo ás organizacións manter un equilibrio entre os seus ingresos e gastos, así como alcanzar os seus obxectivos estratéxicos.

Se necesitas axuda dunha persoa experta, só tes que solicitar os asesoramentos gratuítos da Oficina Económica de Galicia.