A retribución flexible como ferramenta estratéxica para fidelizar talento

O mercado actual ofrece tantas opcións e variables laboráis que captar e reter talento converteuse nun verdadeiro problema para moitas empresas. É por iso, que cada vez gañan máis protagonismo fórmulas que permiten ofrecer máis valor ás persoas traballadoras sen incrementar de forma directa os custes salariais. Da que imos falar neste artigo é a retribución flexible.

Este modelo, que xa está consolidado en grandes compañías, está a estenderse con forza ao tecido empresarial galego como unha vía eficaz para mellorar a satisfacción laboral, optimizar a fiscalidade e reforzar a competitividade das organizacións.

Que é a retribución flexible e por que interesa ás pemes?

A retribución flexible permite que unha parte do salario se perciba en forma de produtos ou servizos, adaptados ás necesidades de cada persoa traballadora. É dicir, o empregado decide como quere distribuír unha parte da súa retribución, accedendo a determinados beneficios con vantaxes fiscais.

Non se trata de pagar máis, senón de pagar mellor. E iso é especialmente relevante nun momento no que as empresas buscan fórmulas sostibles para motivar aos seus equipos.

Por exemplo, un empregado pode destinar parte do seu salario a:

  • Seguro médico
  • Tickets restaurante
  • Transporte público
  • Gardaría
  • Formación

Estes conceptos, en moitos casos, están exentos de tributación no IRPF ata determinados límites, o que se traduce nun maior poder adquisitivo real.

Unha vantaxe competitiva máis aló do salario

A retribución flexible non só impacta no peto das persoas traballadoras. Tamén inflúe directamente na percepción da empresa.

Neste aspecto, os profesionais valoran aspectos como a conciliación, o benestar ou a personalización das condicións laborais. Neste sentido, ofrecer un plan de retribución flexible pode marcar a diferenza fronte a outras empresas.

Para unha peme, isto supón, mellorar a capacidade de atraer talento cualificado e incrementar o compromiso do equipo, xeralmente tamén supón unha reducción da rotación e refozar a imaxe como empresa moderna e que se preocupa polo benestar das persoas.

Como pode aplicarse na práctica?

A implantación dun sistema de retribución flexible non require unha gran estrutura, pero si unha boa planificación. O primeiro paso é analizar o perfil do equipo e identificar que beneficios poden ter maior impacto. Non todas as empresas nin todos os sectores teñen as mesmas necesidades.

A partir de aí, é importante definir:

  • Que porcentaxe do salario poderá destinarse a estes beneficios (habitualmente cun límite legal arredor do 30 %)
  • Que opcións estarán dispoñibles
  • Como se xestionará administrativamente

Cada vez existen máis solucións dixitais que facilitan esta xestión, facendo viable a súa aplicación tamén en empresas pequenas.

Unha decisión que require asesoramento

A pesar das súas vantaxes, a retribución flexible implica unha serie de cuestións legais, fiscais e laborais que deben ser analizadas con detalle.

É fundamental garantir que o sistema cumpre coa normativa vixente, que está correctamente reflectido nos contratos e que se adapta á realidade da empresa.

Por iso, contar cun asesoramento especializado resulta clave para evitar erros e maximizar os beneficios tanto para a empresa como para as persoas traballadoras.

Ademais, todo apunta a que a retribución flexible seguirá gañando peso nos vindeiros anos. A evolución do mercado laboral, a dixitalización e a necesidade de ofrecer contornas de traballo máis atractivas están a impulsar este tipo de modelos.

Para as pemes galegas, pode ser unha oportunidade real de competir en mellores condicións, sen depender unicamente do incremento salarial.

Solicita o asesoramento gratuíto por parte de expertos que ofrece a Oficina Económica de Galicia para impulsar a túa empresa.