O estado de saúde no que se atopa a nosa empresa é un dos temas que máis nos interesa. Referímonos con estado de saúde á capacidade que ten o noso negocio para cumprir coas súas obrigas fiscais, comerciais, etc. ademais de ser capaz de proporcionar os recursos necesarios para lograr a estabilidade e o crecemento.
Un bo método para coñecer este estado de saúde é valorar a nosa empresa, é dicir, realizar o proceso mediante o cal imos cuantificar os elementos que constitúen o patrimonio actual e as expectativas de xeración de recursos.
A valoración da empresa vainos permitir coñecer os datos clave para tomar decisións ou para iniciar unha negociación, que pode ser de investimento, de novas liñas de negocio, tamén nos serve para trasladar aos axentes externos as garantías que ofrece a empresa, como por exemplo a posibles investidores interesados no noso negocio.
Para valorar a empresa debemos realizar un exercicio de sentido común acompañado dos coñecementos técnicos necesarios, para non perder de vista as cuestións relevantes, que podemos resumir brevemente:
- A valoración é unha estimación baseada nos balances da empresa, o que non garante a fiabilidade dos datos.
- O valor da empresa vai servir para negociar o prezo, non se trata dunha previsión dos resultados dunha negociación, senón do punto de partida.
- O valor da empresa vén determinado pola súa capacidade de xerar rendas.
Debemos aplicar o sentido común para non confundir valor e prezo, unha empresa ten distinto valor para diferentes compradores e para o seu vendedor, por exemplo, en función das perspectivas sobre o futuro dun sector determinado, das distintas estratexias, das posibles economías de escala… Non debemos confundilo co prezo, que é a cantidade que o vendedor e o comprador acordan para realizar a operación de compravenda da empresa.
Os factores clave para o proceso de valoración dunha empresa son:
- Os fluxos de efectivo: un investidor sempre está preocupado por recuperar o seu diñeiro e a rendibilidade que lle produce.
- Crecemento e potencial: canto maior sexan, maior valor terá a empresa. O tamaño de mercado, a posición que ocupa, a innovación, a capacidade de expansión.
- O historial financeiro: se cumpriu coas súas obrigas, cal foi a súa evolución, etc.
- Riscos asociados á empresa: tales como cambios regulatorios, riscos operativos e legais…
- Activos e pasivos: que elementos os forman e en que estado se atopan.
Existen múltiples métodos para valorar unha empresa, cada un deles ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes, para elixir un debemos ter en conta o contexto e o sector ao que pertence a nosa empresa. Os métodos de valoración pódense clasificar en estáticos e dinámicos:
- Métodos estáticos: valor de rendemento, activo real, patrimonio neto, valor de liquidación.
- Métodos dinámicos: valor en función dos fluxos netos de caixa descontados, valoración por múltiplos EBITDA.
Estes son os máis frecuentes, malia que existen outros moitos que se poden utilizar para a valoración dunha empresa.
Os erros máis comúns á hora de valorar unha empresa é non calcular correctamente a taxa de risco, equivocarse na previsión de fluxos de efectivo esperados, non obter o valor residual correcto, non realizar unha correcta interpretación da valoración…
En conclusión, a través do procedemento de valoración da empresa, podemos obter unha información imprescindible para a toma de decisións estratéxicas ou como punto de partida para negociar a súa venda ou obter financiamento por parte de investidores, son moitos os métodos que podemos utilizar, debemos elixir os óptimos para o noso obxectivo evitando os erros que poden levarnos a un resultado incorrecto da valoración da nosa empresa.