- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na xornada “Empresas que transforman territorios: o papel das Empresas de Tamaño Intermedio”, onde subliña a importancia de impulsar o crecemento empresarial para gañar competitividade
- Destaca o “histórico” paquete de apoio empresarial que ten en marcha a Consellería a través do Instituto e que suma máis de 282 M€ en ámbitos como a innovación, o financiamento e a internacionalización
- Defende o impulso ao crecemento empresarial mediante instrumentos como a Oficina Económica de Galicia e aposta por promover novos proxectos industriais con impacto no territorio
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, clausurou hoxe en Santiago de Compostela a xornada “Empresas que transforman territorios: o papel das Empresas de Tamaño Intermedio”, onde puxo en valor o papel estratéxico das denominadas ETI (empresas de tamaño intermedio) como eixo clave para o desenvolvemento económico de Galicia.
Durante a súa intervención, Toca Carús sinalou que Galicia conta cun tecido empresarial dinámico e con potencial de crecemento no tamaño das súas empresas, o que permitirá seguir reforzando capacidades fundamentais como a innovación, o acceso a financiamento ou a internacionalización.
A directora do Igape fixo fincapé en que as empresas de tamaño intermedio representan unha peza clave neste proceso, ao combinar capacidade de competir a nivel global cun forte arraigo territorial. Neste sentido, puxo como exemplo compañías galegas que xa operan como referentes internacionais en sectores estratéxicos, destacando o seu impacto en innovación, emprego e atracción de talento.
Neste marco, Toca Carús explicou que a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, está a desenvolver unha estratexia integral de apoio ao tecido empresarial, cun volume de recursos que supera os 282 millóns de euros, orientada a acompañar ás empresas en todas as fases do seu crecemento.
O paquete de apoios céntrase na innovación e transformación, impulsando a incorporación de tecnoloxías avanzadas, a modernización de procesos e o desenvolvemento de novos produtos, así como no reforzo financeiro, con préstamos orientados ao crecemento empresarial. Ademais, promove a internacionalización, nun contexto de forte dinamismo exportador, e a mellora da competitividade mediante a profesionalización da xestión e a captación de talento.
A directora do Igape puxo en valor a importancia dun crecemento equilibrado territorialmente, subliñando o papel das ETI na fixación de poboación, a xeración de oportunidades e a dinamización económica en Galicia. Neste contexto, destacou a aposta por promover novos proxectos industriais con impacto no territorio, así como o papel da Oficina Económica de Galicia como instrumento clave para apoiar o crecemento empresarial e axilizar investimentos.