- As exportacións galegas ao país, fundamentalmente do sector metalmecánico e agroalimentario, acadaron o pasado ano os 11,8 millóns de euros
- Dentro da política de diversificación de mercados que a Xunta está a levar a cabo, o continente asiático preséntase como un destino estratéxico para a economía galega
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co embaixador de Vietnam en España, Doan Thanh Song, con quen abordou as relacións comerciais que Galicia mantén co país asiático e as oportunidades de investimento para ambas as dúas economías.
As exportacións galegas a Vietnam, fundamentalmente do sector metalmecánico e agroalimentario, acadaron o pasado ano os 11,8 millóns de euros. No que respecta ao número de empresas que exportan os seus produtos ao país asiático, mantense relativamente estable, con 73 no ano 2025, das que unha quincena opera neste mercado xa de forma regular.
A base das relacións comerciais entre Galicia e Vietnam está nas importacións, que amosan unha maior estabilidade e volume, especialmente no sector téxtil-moda, que se consolida como o principal sector importador con 77,4 millóns de euros.
Lorenzana expuxo ao embaixador os principais obxectivos da política económica e industrial da Xunta, que busca afianzar a internacionalización da economía galega promovendo tanto as exportacións como, tamén, o investimento exterior na comunidade.
Neste contexto, presentoulle o labor que vén facendo a Oficina Económica de Galicia como interlocutora á hora de identificar proxectos de interese para a industria galega e de darlles todo o asesoramento e o acompañamento administrativo necesario para a súa implantación.
Dentro da política de diversificación de mercados que a Xunta está a levar a cabo, o continente asiático preséntase como un destino estratéxico para a economía galega.