Sevilla, 14 de abril de 2026
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou esta tarde as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías duais para impulsar proxectos de alto valor engadido no eido da seguridade e a defensa e converter a Galicia nun territorio de referencia neste eido. Uns proxectos que, como segundo destacou Ardao, facilitan ademais a creación de emprego de calidade e a construción dun ecosistema máis sólido, máis diversificado e máis competitivo, con capacidade para atraer novos actores e xerar oportunidades de colaboración en toda a cadea de valor.
A directora xeral participou esta tarde na mesa redonda O dual-use na industria da Defensa, no marco da xornada New Space & Solutions 2026, que se celebrou no Auditorio La Cartuja de Sevilla. Unha cita na que aproveitou para presentar a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo Horizonte 2030 que o Goberno galego aprobou o pasado verán e co que aspira a mobilizar máis de 900 millóns de euros froito da colaboración público-privada.