A Xunta reivindica a moda galega como sector estratéxico e a innovación como panca para reforzar a súa competitividade

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración de Galicia conversa: anatomía da moda galega, onde destacou a tradición, o coñecemento, a cultura empresarial e o talento cos que conta Galicia nunha industria con capacidade para competir nos mercados internacionais
  • Pon o foco na transformación do sector a través de novos materiais e procesos, a dixitalización, a sustentabilidade, novas canles de comercialización e a apertura de mercados
  • Salienta a importancia de converter as boas ideas en proxectos empresariais capaces de chegar ao mercado, medrar e xerar actividade económica e emprego

A Coruña, 17 de agosto de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, reivindicou hoxe a moda galega como un dos sectores estratéxicos consolidados sobre os que Galicia pode seguir construíndo o seu crecemento económico, apostando pola innovación como ferramenta para reforzar a competitividade das empresas e afrontar os procesos de transformación que están a experimentar os mercados.

Toca Carús participou na inauguración de Galicia conversa: anatomía da moda galega, un encontro celebrado no Studio Follow da Coruña que reuniu diferentes voces vinculadas ao deseño, o emprendemento, a produción, a construción de marca, a distribución, o retail e a internacionalización. Neste marco, destacou que detrás dunha peza, unha colección ou unha marca existe unha cadea de valor na que conflúen “empresa, industria, tecnoloxía, internacionalización, emprego, talento e capacidade para innovar”.

Neste contexto, a directora puxo en valor que Galicia conta cunha importante tradición e coñecemento empresarial vinculados á moda, así como cun ecosistema formado por grandes compañías, pemes, firmas emerxentes, deseñadores, provedores e profesionais. Unha base consolidada que, incidiu, constitúe unha vantaxe á hora de abordar os novos retos do sector.

Toca Carús afondou de modo especial nun concepto amplo da innovación, que non pasa unicamente por crear algo novo, senón tamén por transformar o que as empresas xa saben facer ben. Neste sentido, apuntou oportunidades como a incorporación de novos materiais e procesos, a dixitalización da produción, novas formas de comercialización e relación cos consumidores, a sustentabilidade, a apertura de mercados ou novas estratexias de construción de marca.

Así mesmo, enmarcou este proceso no obxectivo de “industrializar a innovación”, trasladando as boas ideas ao mercado para que poidan converterse en empresas e proxectos capaces de medrar, competir e xerar actividade económica e emprego. Para conseguilo, destacou a importancia de contar con ecosistemas nos que se conecten diferentes perspectivas e coñecementos ao longo de toda a cadea de valor.

Finalmente, a directora do Igape subliñou a importancia de manter un diálogo permanente co tecido empresarial para coñecer desde dentro os cambios que está experimentando a industria, detectar novas oportunidades e identificar as necesidades das compañías para continuar medrando.