Amortización: A chave para coñecer o valor real dos teus bens e débedas

Coñeces cal é o valor real dos teus bens e débedas? Sabes canto tempo os terás?
A amortización é o método que utilizamos para responder a estas cuestións.

Amortización é un termo que empregamos habitualmente e que pode xerar dúbidas cando se refire por exemplo á amortización dun ben ou dun préstamo.

O primeiro que debemos ter claro é o significado do concepto de amortización. Se nos referimos a un préstamo, é o proceso de pagar a débeda ao longo do tempo a través de pagos regulares. Estes pagos poden incluír tanto o capital (a cantidade que se pediu prestada) como os xuros, a amortización axuda a reducir a débeda total ata que se pague por completo. Tamén se utiliza o termo amortización en contabilidade para describir a diminución do valor dun activo ao longo da súa vida útil.

O importante para entender correctamente o termo financeiro amortización é identificar se falamos dun activo ou un pasivo.

A amortización nos activos

Os activos contables son recursos económicos que posúe unha empresa e que se espera que xeren beneficios futuros. Estes activos poden ser tanxibles, como edificios, maquinaria e inventarios, etc.

Trátase de bens polos que pagamos diñeiro para que cumpran cunha función específica.

Co paso do tempo, estes bens perden valor, teñen unha vida útil para a que foron deseñados e que se vai reducindo debido ao desgaste e á obsolescencia. Por exemplo, se mercamos un ordenador cunha vida útil de 5 anos, ao cabo dese tempo, estará amortizado, xa que terá cumprido a función durante o tempo para o que foi deseñado. O seu valor inicial foi diminuíndo ata chegar ao fin da súa vida útil.

Para coñecer cal é o valor da amortización do ordenador do noso exemplo durante o transcurso dos 5 anos da súa vida útil, podemos utilizar a fórmula máis habitual (hai varias), que é a amortización lineal da súa vida útil, dividindo o valor do ordenador entre os anos de vida útil. Se o ordenador custounos 500 euros, a amortización do primeiro ano serán 100 euros; durante o segundo, 200 euros; no terceiro teriamos amortizados 300 euros, e así ata esgotar ao final da súa vida útil o valor que pagamos por el. Se ao final dos 5 anos segue cumprindo a súa función, este tempo a maiores da súa vida útil coñécese como valor residual.

A amortización nos pasivos

Por pasivos enténdense as obrigas financeiras que temos, poden ser un crédito para o consumo, unha hipoteca, etc. Cando falamos de amortización nestes casos, referímonos á diminución gradual da débeda, a través das cotas que lle imos pagando ao banco. Non nos referimos habitualmente ao valor do capital, é dicir que na amortización non incluímos os xuros que se xeran.

Métodos máis utilizados de amortización dos pasivos

  • Sistema de amortización francés: trátase de cotas fixas, devólvese a mesma cantidade de diñeiro cada mes ata que a obriga sexa liquidada na súa totalidade.
  • Sistema de amortización crecente: as cotas empezan sendo de menor valor, pero van aumentando a medida que pasa o tempo da obriga.
  • Sistema de amortización decrecente: imos pagando unha parte da propia débeda desde o inicio, polo que os novos xuros que vai xerando o capital restante son menores e tradúcense nunha menor cota.

É importante coñecer en que consiste a amortización, grazas a ela coñecemos o valor real dos activos e pasivos, e sérvenos para tomar decisións económicas óptimas, evitando erros como por exemplo asumir débedas para mercar bens que perderán o seu valor antes de que os poidamos pagar. Se tes dúbidas de como facelo contacta connosco cubrindo o formulario.