Un empregado presenta a súa baixa voluntaria e, nun primeiro momento, a situación parece fácil de resolver poñendo unha oferta, realizar entrevistas e incorporar unha nova persoa ao posto. Pero a realidade, na mayoría das ocasión, é ven diferente xa que detrás de cada saída existe un custo moito maior do que adoita percibirse a simple vista.
A rotación de persoal é un dos retos máis importantes para as empresas, especialmente para as pemes, onde cada profesional adoita desempeñar funcións clave e posúe un coñecemento difícil de sustituír de maneira inmediata. Máis aló do impacto organizativo, a perda dun traballador pode supoñer un importante custo económico que afecta á produtividade, á rendibilidade e mesmo á satisfacción dos clientes.
Cando unha persoa abandona a empresa, os primeiros gastos son os máis evidentes. A organización debe iniciar un novo proceso de selección que implica publicar ofertas de emprego, revisar candidaturas, realizar entrevistas e dedicar tempo dos responsables da empresa ou do departamento de Recursos Humanos á procura do substituto adecuado.
Unha vez seleccionada a persoa, chegan os custos asociados á contratación e á incorporación ao posto. Trámites administrativos, formación inicial, acompañamento por parte doutros membros do equipo e adaptación aos procedementos internos forman parte dun proceso que require tempo e recursos.
O custo invisible que máis impacta
Con todo, os maiores custos adoitan ser os que non aparecen reflectidos directamente nas contas.
Cando unha persoa con experiencia abandona a organización, leva consigo coñecementos adquiridos durante meses ou anos de traballo. Coñece os clientes, os procesos internos, as ferramentas utilizadas e a cultura da empresa e todo ese coñecemento non se substitúe dun día para outro.
Durante o período de vacante, parte das súas tarefas adoitan repartirse entre outros membros do equipo, incrementando a súa carga de traballo e xerando posibles situacións de estrés ou desmotivación. Ademais, a produtividade do novo empregado adoita ser menor durante os primeiros meses, ata alcanzar un nivel de rendemento similar ao da persoa que ocupaba anteriormente o posto.
Como afecta á produtividade da empresa?
A saída dun traballador pode provocar atrasos en proxectos, menor capacidade de resposta aos clientes e unha redución temporal da eficiencia operativa.
Este impacto é especialmente significativo nas pequenas empresas, onde os equipos adoitan ser máis reducidos e cada profesional ten unha maior influencia no funcionamento diario da organización.
Nalgúns casos, a marcha dunha persoa clave pode incluso afectar ás relacións comerciais ou á continuidade de determinados proxectos, especialmente cando existe unha forte vinculación cos clientes.
A rotación frecuente tamén ten consecuencias sobre o ambiente de traballo. Cando as saídas se producen de forma reiterada, poden xerar incerteza entre o resto do equipo, aumentar a sensación de inestabilidade e afectar ao compromiso das persoas traballadoras.
Pola contra, as empresas que logran manter equipos estables adoitan beneficiarse dunha maior cohesión, unha mellor colaboración interna e unha transmisión máis eficiente do coñecemento.
Por que marchan os profesionais?
Aínda que o salario segue sendo un factor importante, non é o único motivo que leva unha persoa a cambiar de empresa.
Aspectos como a falta de oportunidades de desenvolvemento profesional, a escasa flexibilidade, unha comunicación interna deficiente, a ausencia de recoñecemento ou un mal clima laboral están detrás de moitas decisións de cambio.
Por este motivo, cada vez máis organizacións prestan atención á experiencia das persoas traballadoras e á creación de contornos laborais atractivos que favorezan a permanencia do talento.
A retención como investimento
Moitas veces as empresas centran os seus esforzos en atraer novos profesionais, pero esquecen que conservar o talento existente adoita ser máis rendible que substituílo.
Promover unha comunicación aberta, ofrecer oportunidades de formación, favorecer a conciliación e recoñecer o traballo ben feito son accións que poden contribuír a reducir a rotación e mellorar o compromiso dos equipos.
Non sempre son necesarias grandes inversións. En numerosas ocasións, pequenas medidas relacionadas coa organización, a comunicación ou o liderado teñen un impacto directo na satisfacción das persoas traballadoras.
Comprender o verdadeiro custo da rotación de persoal permite ás organizacións adoptar unha visión máis estratéxica da xestión das persoas. Porque detrás de cada baixa non só existe un proceso de substitución, senón tamén unha perda de coñecemento, experiencia e produtividade que pode afectar ao futuro do negocio.
Investir nas persoas non é un gasto. É unha das decisións máis rendibles que pode tomar unha empresa.
Non o dubides e solicita asesoramento especializado gratuíto da man da Oficina Económica de Galicia e impulsa a túa empresa.