A reputación dixital xa non depende só do que unha empresa publica nas súas redes sociais ou na súa web. Hoxe, a imaxe dunha organización constrúese tamén a través do que din os seus clientes e, cada vez máis, do que transmiten as súas propias persoas traballadoras.
Nun contexto no que unha simple busca en internet pode condicionar unha decisión de compra, unha contratación ou unha colaboración, coidar a reputación online convértese nun elemento estratéxico para pemes e autónomos. E neste proceso, a área de persoas xoga un papel clave.
Que é a reputación dixital e por que é tan relevante?
A reputación dixital é a percepción que teñen os usuarios dunha empresa a partir da información dispoñible en internet xa sexan reseñas, comentarios, redes sociais, noticias ou contidos publicados.
Non se trata só de visibilidade, senón de confianza. Unha boa reputación facilita atraer clientes, fidelizalos e mesmo captar talento. Pola contra, unha mala xestión pode afectar directamente á credibilidade e ás oportunidades de negocio.
Cantas veces deixamos de ir coñecer un restaurante porque os comentarios que vimos non eran bos? E tomamos a decisión sen nin sequera comprobalo, básicamente, porque o que dín as outras persoas si que importa.
As persoas que forman parte dunha empresa son, moitas veces, o seu mellor canal de comunicación. A través das súas interaccións, publicacións ou recomendacións, contribúen a construír unha imaxe máis humana, próxima e crible.
Por iso, integrar a reputación dixital dentro da área de persoas permite fomentar unha comunicación máis auténtica e coherente coa cultura da empresa, converter ao equipo en embaixador da marca, previr riscos derivados dun uso inadecuado das redes ou da comunicación externa e sobretodo, reforzar o orgullo de pertenza e o compromiso.
7 pautas para traballar a reputación dixital desde a área de persoas
1. Definir unha cultura de comunicación clara
É importante establecer criterios básicos sobre como comunicar, tanto a nivel interno como externo. Non se trata de limitar, senón de orientar e aliñar ao equipo cos valores da empresa.
2. Formar ao equipo en competencias dixitais
Moitas situacións de risco veñen do descoñecemento. Ofrecer formación sobre o uso responsable das redes sociais, a xestión da información ou a comunicación profesional axuda a evitar erros.
3. Fomentar o papel de embaixadores da marca
Animar ás persoas traballadoras a compartir logros, proxectos ou experiencias profesionais pode amplificar o alcance da empresa e reforzar a súa reputación de forma natural.
4. Establecer protocolos ante situacións de crise
A rapidez e a coherencia son fundamentais. Dispoñer de pautas claras sobre como actuar ante críticas, comentarios negativos ou situacións sensibles evita respostas improvisadas.
5. Coidar a experiencia das persoas empregadas
A reputación tamén se constrúe desde dentro. Un bo clima laboral e unha experiencia positiva tradúcense, en moitos casos, en opinións favorables e recomendacións espontáneas.
6. Escoitar e monitorizar o que se di da empresa
Coñecer a percepción externa permite detectar oportunidades de mellora e anticiparse a posibles problemas.
7. Apostar pola transparencia e a coherencia
A imaxe que se proxecta debe estar aliñada coa realidade. A coherencia entre o que se comunica e o que se fai é a base dunha reputación sólida.
Traballar a reputación dixital non é só unha cuestión de comunicación externa. É unha tarefa transversal que implica á organización no seu conxunto, especialmente á área de persoas. Cando o equipo está informado, implicado e aliñado cos valores da empresa, convértese no mellor aliado para construír unha imaxe sólida, crible e sostible no tempo.
Dispoñer de apoio personalizado, como o que ofrece a Oficina Económica de Galicia, pode ser clave para unha implementación exitosa. Solicita asesoramento especializado gratuíto e aproveita os recursos dispoñibles para impulsar o teu negocio.