Non sempre a clave está en consumir menos, senón en consumir mellor. A flexibilidade enerxética emerxe como unha das grandes oportunidades para pemes que queren optimizar custos e adaptarse a un sistema eléctrico cada vez máis dinámico.
A tendencia habitual é que o control do gasto enerxético nas empresas se limite a reducir consumos ou mellorar a eficiencia dos equipos. Sen embargo, o modelo enerxético actual está a cambiar rapidamente, abrindo novas vías nas que as empresas poden xogar un papel máis activo.
Unha delas é a flexibilidade enerxética, un concepto que cada vez terá máis peso nos próximos anos.
Que é a flexibilidade enerxética?
A flexibilidade enerxética consiste na capacidade dunha empresa para adaptar o seu consumo eléctrico en función do momento, desprazando usos enerxéticos a franxas horarias máis económicas ou reducindo a demanda en momentos de maior tensión na rede.
En termos sinxelos, trátase de consumir cando é máis barato… ou cando o sistema o necesita.
Por que será clave nos próximos anos?
Co crecemento das enerxías renovables, especialmente a solar e a eólica, a produción eléctrica xa non é constante. Hai momentos de exceso de enerxía e outros de maior escaseza.
Isto provoca que os prezos varíen máis ao longo do día, se incentive consumir en determinadas horas e se premie ás empresas que poden adaptarse.
Neste contexto, a flexibilidade deixa de ser unha opción e convértese nunha vantaxe competitiva.
Como pode aplicalo unha peme?
Aínda que poida parecer algo complexo, hai accións sinxelas que xa permiten introducir flexibilidade como programar maquinaria en horarios con menor custo eléctrico, adaptar procesos produtivos a franxas máis eficientes, uilizar sistemas de control ou automatización do consumo ou itegrar baterías ou sistemas de almacenamento.
Por exemplo, unha pequena industria pode concentrar parte da súa produción en horas con menor prezo, mentres que un negocio con alto consumo eléctrico pode reorganizar tarefas para evitar picos de demanda.
Non só aforro tamén oportunidades de ingresos
Un dos aspectos menos coñecidos é que a flexibilidade enerxética pode xerar ingresos.
Existen mecanismos polos que as empresas poden reducir consumo en momentos críticos, ofrecer esa capacidade ao sistema eléctrico e recibir compensación económica por iso este tipo de participación, coñecida como resposta á demanda, será cada vez máis accesible tamén para pemes a medida que evolucionen os mercados enerxéticos.
Que beneficios achega?
Adoptar unha estratexia de flexibilidade permite:
- Reducir a factura eléctrica
- Mellorar o control do consumo
- Aumentar a resiliencia fronte a cambios de prezos
- Participar nun modelo enerxético máis sostible
E, sobre todo, transforma a relación da empresa coa enerxía: pasa de ser un gasto fixo a un elemento estratéxico que se pode xestionar.
Por onde empezar
Para comezar, é recomendable:
- Analizar os patróns de consumo da empresa
- Identificar procesos que poidan desprazarse no tempo
- Avaliar tecnoloxías de control e monitorización
- Contar con asesoramento especializado
Pequenos cambios poden xerar un impacto significativo a medio prazo.
A flexibilidade enerxética representa unha nova forma de entender o consumo eléctrico nas empresas. Nun escenario marcado pola variabilidade e a transición cara a renovables, adaptarse xa non é só unha opción, senón unha oportunidade para aforrar, gañar eficiencia e mesmo xerar novos ingresos.
Dispoñer de apoio personalizado, como o que ofrece a Oficina Económica de Galicia, pode ser clave para unha implementación exitosa. Solicita asesoramento especializado gratuíto e aproveita os recursos dispoñibles para impulsar o teu negocio.