Captar un novo cliente ten sempre un custo. Moitas empresas coñecen o custo das súas campañas dixitais, pero ignoran o que gastan en feiras, vendedores, chamadas ou recomendacións, e iso xera unha imaxe distorsionada da realidade.
O custo de adquisición de clientes, coñecido polas súas siglas en inglés CAC (Costumer Adquisition Cost), é un indicador fundamental. Permite saber canto inviste a empresa para conseguir cada novo cliente e, sobre todo, se ese investimento é rendible.
Como se calcula o CAC?
O cálculo do CAC é conceptualmente sinxelo: divídense os gastos totais de captación entre o número de novos clientes obtidos nun período determinado.
CAC = Gastos totais de captación / Número de novos clientes
Por exemplo, se unha empresa inviste 10.000 € en márketing e vendas durante un trimestre e capta 50 novos clientes, o seu CAC é de 200 €.
CAC por canle: a análise que marca a diferenza
Malia que o CAC global é un dato útil, a análise por canle é a que realmente transforma a toma de decisións.
O rendemento varía notablemente segundo o medio: mentres que Google Ads pode ter un CAC de 150 €, a captación por recomendacións pode baixar aos 40 € e a presenza en feiras escalar ata os 600 €. Esta información é clave para optimizar o orzamento, eliminando os medios ineficientes e escalando os de maior retorno.
A táboa seguinte ilustra un exemplo orientativo de análise por canle:
| Canle | Investimento | Clientes captados | CAC |
| Publicidade dixital | 4.000 € | 30 | 133 € |
| Equipo comercial | 3.500 € | 12 | 292 € |
| Programa de referidos | 500 € | 8 | 63 € |
| Feira sectorial | 2.000 € | 5 | 400 € |
Os datos mostran que o programa de referidos é, con diferenza, a canle máis eficiente. Un resultado que sorprende a moitas empresas que concentran o seu orzamento en publicidade dixital.
CAC e LTV: os dous indicadores que deben analizarse xuntos
O CAC por si só non é suficiente para tomar decisións. Para interpretalo correctamente, é fundamental relacionalo co LTV (Lifetime Value), é dicir, o valor total que un cliente xera para a empresa ao longo de toda a súa relación comercial.
Se o CAC é de 200 € pero o cliente xera 800 € de marxe ao longo do tempo, o investimento é claramente rendible. Se, pola contra, o cliente só xera 150 €, a empresa está perdendo diñeiro en cada captación, aínda que as campañas teñan boas métricas de clics ou impresións.
A ratio CAC/LTV é, por iso, un dos indicadores máis reveladores para calquera empresa que queira crecer de forma sostible. Como referencia xeral, considérase saudable que o LTV sexa polo menos tres veces superior ao CAC.
Estratexias para reducir o CAC
Coñecer o CAC é só o punto de partida; o verdadeiro reto reside en optimizalo de forma continua. Existen varios recursos estratéxicos para conseguilo:
- Mellorar a segmentación: canto máis precisa é a segmentación, menos recursos se desperdician. As ferramentas de analítica de datos permiten identificar o perfil do cliente con maior probabilidade de conversión.
- Potenciar as canles orgánicas: o SEO, o márketing de contidos e a presenza en redes sociais teñen un custo inicial pero xeran captación sostida no tempo. A medio prazo, o seu CAC é significativamente inferior ao das campañas de pago.
- Automatizar procesos de captación: as ferramentas de automatización de márketing permiten xestionar máis leads co mesmo equipo, reducindo o custo por cliente sen reducir o volume de captación.
- Investir en fidelización: reter un cliente existente custa moito menos que captar uno novo. Ademais, os clientes satisfeitos convértense en prescritores, o que reduce o CAC dos novos clientes captados por recomendación.
- Optimizar o funil de conversión: un sitio web lento, un proceso de compra complicados ou unha proposta de valor pouco clara, afastan clientes potenciais antes de que cheguen a converterse.
Estas estratexias non son exclusivas das grandes empresas. Moitas son aplicables con recursos modestos e teñen un impacto rápido e medible.
Implicacións para as empresas galegas
En Galicia predominan as pemes e os negocios familiares. Nestas empresas, o CAC raramente se mide de forma sistemática, pero isto non significa que non exista: significa que non se controla.
Moitas empresas descobren, cando comezan a medir, que as súas canles dixitais son menos eficientes do que cren, e que as canles tradicionais, como a recomendación ou a rede local, teñen un rendemento superior. Ter eses datos sobre a mesa transforma a forma de tomar decisións.
As empresas que dominan esta métrica invisten mellor e medran de forma máis sostida. E para implementala non se requiren ferramentas sofisticadas: cunha folla de cálculo ben estruturada é suficiente para comezar.
Se precisas axuda experta para medir e optimizar o custo de adquisición de clientes da túa empresa, na Oficina Económica podes solicitar asesoramento de balde.