Competir con grandes empresas pode parecer unha tarefa complicada para as pemes, pero existen varios aspectos que lles outorgan un valor engadido que as grandes corporacións dificilmente poden replicar.
Aspectos únicos
Un dos principais elementos diferenciais das pemes é a humanización. Este factor xera unha maior proximidade cos clientes e permite establecer unha relación máis próxima e persoal entre empresa e consumidor.
A cooperación entre empresas de ámbito local constitúe outra baza fundamental. As pemes adoitan contar cun maior grao de especialización que moitas grandes empresas, e combinar esa especialización coa cooperación entre negocios locais pode incrementar de forma notable a súa capacidade competitiva fronte ás grandes corporacións.
A velocidade é outro aspecto clave. Grazas a unha menor burocracia, as pemes poden reaccionar de forma máis áxil ás necesidades do mercado, tanto a nivel estratéxico como organizativo, e resolver con maior rapidez os problemas que poidan xurdir cos clientes.
Por último, a experiencia, o detalle e a atención personalizada son recursos que as pemes poden explotar fronte ás grandes corporacións, centradas habitualmente na optimización de procesos, a eficiencia e o volume. Ofrecer unha mellor experiencia ao usuario pode converterse así nunha ferramenta clave para competir con elas.
Coñecemento local
Máis aló destes aspectos organizativos, o coñecemento do territorio é outra vantaxe diferencial das pemes. Coñecer de primeira man as necesidades dos clientes ou construír un storytelling propio da rexión permite achegarse aos consumidores dun xeito máis emocional e auténtico.
Esta proximidade resulta clave para fidelizar clientes. Neste ámbito, as pemes parten cunha vantaxe importante: a súa maior capacidade para adaptar o ton da mensaxe aos rexistros propios de cada zona.
Especialización, cooperación e comunicación de proximidade configuran, así, as principais ferramentas das pemes para facer fronte ás grandes empresas.
Se a túa peme quere identificar e potenciar as súas vantaxes competitivas fronte a empresas de maior tamaño, solicita asesoramento e desde a Oficina Económica de Galicia axudarémosche a definir a estratexia máis axeitada para o teu negocio.