Lorenzana destaca que medio cento de empresas galegas resultaron beneficiarias da primeira liña de axudas para certificacións no sector da defensa

  • Trátase de empresas de ámbitos como o naval, o metalmecánico, o aeroespacial, o tecnolóxico, o transporte, o mantemento industrial, a automoción, a electricidade e a electrónica, a consultaría, a construción, a enxeñaría ou a fabricación aditiva
  • Esta liña de apoios é unha das medidas que o Goberno galego está a desenvolver dentro da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e o Aerospazo onde teñen un peso significativo os acordos de asociación, aos que a Xunta vai destinar 40 M€ para grandes proxectos de tecnoloxías duais que se fabriquen en Galicia
  • Afirma que Galicia segue marcando fitos no sector aeroespacial grazas a compañías como Alén Space

Nigrán (Pontevedra), 14 de xullo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que un total de 52 empresas resultaron beneficiarias da primeira convocatoria de axudas da Xunta para obter certificacións como subministradoras para o sector da seguridade e a defensa, que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

Nunha visita ás instalacións da empresa Alén Space, Lorenzana explicou que se trata de empresas de ámbitos tan diversos como o naval, o metalmecánico, o aeroespacial, o tecnolóxico, o transporte, o mantemento industrial, a automoción, a electricidade e a electrónica, a consultaría, a construción, a enxeñaría ou a fabricación aditiva. Isto, engadiu, demostra o interese da industria galega por diversificarse cara a este mercado.

A maioría das solicitudes foron para a implantación de sistemas de xestión da calidade (46); seguida da inscrición para obter o certificado do Rexistro de Empresas da Dirección Xeral de Armamento e Materiais (24); para a obtención de autorizacións de seguridade (17); a homologación de sistemas ou produtos (15); e para participar en convocatorias nacionais ou europeas (10).

A conselleira explicou que esta liña de apoios é unha das medidas que o Goberno galego está a desenvolver dentro da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e o Aerospazo (Iesda) onde, por outra banda, tamén teñen un peso significativo os acordos de asociación que onte mesmo aprobou o Consello da Xunta.

Neste aspecto, recordou que o Goberno galego vai destinar 40 millóns de euros para  atraer a Galicia grandes proxectos industriais en materia de seguridade, defensa e aeroespazo e que a licitación se realizará mediante a fórmula da Compra Pública Precomercial, unha medida pioneira en España.

A través desta actuación, a Xunta busca impulsar novas capacidades industriais e atraer grandes proxectos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico que leven asociada a fabricación en Galicia para xerar valor engadido, investimento produtivo e emprego cualificado.

O obxectivo, dixo Lorenzana na visita, é incrementar as capacidades industriais nestes sectores co deseño de novas solucións que aínda non están no mercado e dando prioridade a que se fabriquen en Galicia. A previsión é poder chegar a conformar entre dous e 15 consorcios empresariais e aprobar a adxudicación no primeiro semestre de 2027.

Sobre Alén Space, Lorenzana manifestou que “é dese grupo de empresas galegas que están despuntando tanto a nivel internacional dentro do sector do aeroespazo e que tan boas noticias nos están dando”. “O sector aeroespacial en Galicia suma e segue grazas ao talento de todo este ecosistema de empresas tecnolóxicas que ten aquí, en Nigrán, unha base moi importante”, concluíu.