People Analytics a metodoloxía que converte os datos en mellor xestión de persoas

As empresas do futuro teñen algo moi claro e é que as persoas están no centro das decisións. Pero máis alá das intencións, a verdadeira diferencia está en cómo se xestiona ese talento. Neste contexto, o People Analytics perfílase como unha das metodoloxías clave para a xestións dos recursos humanos tanto a nivel de pemes pequenas como as corporacións máis grandes.  

O concepto é sinxelo xa que se trata de analizar datos relacionados coas persoas traballadoras para tomar mellores decisións empresariais, é dicir, pasar da intuición á evidencia. Moitas empresas xa dispoñen de información valiosa como poden ser as avaliacións de desempeño, enquisas de clima laboral, datos de produtividade ou rotación pero non sempre a utilizan de forma estratéxica. 

Aplicar un sistema de análise de datos permite transformar toda esa información en coñecemento útil xa que permite, entre outras cousas, axudar a comprender, por exemplo, como inflúen factores como o liderado, a formación ou o ambiente de traballo nos resultados da empresa. E, sobre todo, permite actuar en consecuencia. 

Neste sentido, o departamento de persoas deixa de ser unha área operativa para converterse nun eixo estratéxico para o crecemento do negocio. 

Un dos grandes valores desta metodoloxía é que permite medir aspectos que antes eran difíciles de cuantificar. Por exemplo, o rendemento dos equipos, o nivel de motivación ou compromiso das persoas, a eficacia dos procesos de selección ou formación, ou indicadores como o absentismo e a rotación. Todos estes datos, analizados de forma conxunta, ofrecen unha visión moito máis completa da realidade da empresa. 

Para unha peme, isto pode traducirse en decisións moito máis acertadas. Desde mellorar a organización do traballo ata detectar a tempo posibles problemas de desmotivación ou sobrecarga, pasando por deseñar plans de formación máis axustados ás necesidades reais do equipo. 

Pero o verdadeiro valor non está só en recoller datos, senón en saber interpretalos. Cando se analizan correctamente e se relacionan cos obxectivos da empresa convértense nunha ferramenta moi potente para impulsar cambios. Permiten identificar tendencias, anticiparse a problemas e definir accións concretas en todas as fases da experiencia da persoa traballadora, desde a selección ata a fidelización do talento. 

Por exemplo, cruzar datos sobre carga de traballo e clima laboral pode axudar a previr situacións de estrés ou burnout ou analizar os resultados das avaliacións de desempeño pode servir para detectar fortalezas e áreas de mellora, facilitando a creación de plans de desenvolvemento personalizados. 

Ademais, este enfoque tamén ten un impacto directo no negocio. Un equipo máis motivado, mellor organizado e con menos rotación é, tamén, un equipo máis produtivo e eficiente. 

Implantar este sistema de traballo nunha peme non require grandes investimentos nin sistemas complexos. O primeiro paso é ordenar e aproveitar os datos que xa se teñen, definir que indicadores son realmente relevantes e comezar a analizalos de forma periódica. A partir de aí, pódese avanzar cara a ferramentas máis específicas, sempre adaptadas ao tamaño e ás necesidades da empresa. 

En definitiva, o People Analytics supón un cambio de enfoque importante de pasar de xestionar persoas a entender as persoas a través dos datos. E isto, nun contexto cada vez máis competitivo, pode marcar a diferenza.

Dispoñer de apoio personalizado, como o que ofrece a Oficina Económica de Galicia, pode ser clave para unha implementación exitosa. Solicita asesoramento especializado gratuíto e aproveita os recursos dispoñibles para impulsar o teu negocio.