O tempo é un dos activos máis valiosos e as reunións deben converterse nunha ferramenta estratéxica no contorno empresarial. A maioría dos profesionais coincide en que moitas reunións poderían evitarse cun simple correo electrónico. O problema non está en reunirse, senón en como se deseñan esas reunións.
As principais carencias son coñecidas: obxectivos difusos, exceso de participantes, conversas sen foco, reunións demasiado longas e, sobre todo, a ausencia de decisións e seguimento. Non fallan as persoas, falla o deseño. Unha reunión sen propósito claro convértese nunha perda de tempo compartida.
O primeiro paso para mellorar a súa eficacia comeza na convocatoria. Definir o obxecto da reunión, establecer unha orde do día clara, fixar duración, asistentes e responsabilidades permite que os participantes cheguen preparados e enfocados. ¿Que ten que pasar agora? É a pregunta clave a formular ao finalizar a reunión.
Á convocatoria súmanse os aspectos loxísticos, moitas veces infravalorados. O espazo, a disposición da sala, a iluminación, a temperatura ou incluso o cátering inflúen directamente na concentración, na interacción e na calidade das decisións. Un contorno axeitado favorece o diálogo e evita distraccións innecesarias.
O verdadeiro impacto dunha reunión reside en como se desenvolve. Falar con claridade, sintetizar ideas, escoitar para avanzar, evitar repeticións e xestionar ben o tempo son claves fundamentais. E, sobre todo, pechar con decisións concretas.
Porque unha reunión eficaz non remata cando finaliza, senón cando xera acción. Definir que se decidiu, quen é responsable e en que prazo se executará é o que converte unha conversa en resultados.
Unha reunión con propósito é un investimento. E, como todo investimento, debe xerar retorno.
Dar o seguinte paso é máis doado con apoio especializado. A Oficina Económica de Galicia acompáñate con asesoramento personalizado e recursos gratuítos para facer medrar a túa empresa.