Nas fases iniciais dunha startup, a rendibilidade non adoita ser o principal obxectivo. O foco está en validar o produto, construír mercado e demostrar tracción. Neste contexto, a variable financeira clave non é o beneficio, senón a caixa dispoñible e o ritmo ao que se consume. O burn rate, entendido como o consumo mensual de tesouraría, e o runway, que mide o tempo de supervivencia antes de quedar sen liquidez, convértense nos indicadores que realmente determinan a viabilidade do proxecto. Porén, moitas startups analízanos de forma superficial ou utilízanos unicamente como unha referencia orientativa.
O primeiro erro habitual é calcular o burn rate como unha cifra fixa. Tómase o gasto mensual actual e divídese a caixa dispoñible para estimar o runway. Este cálculo, aínda que sinxelo, adoita ser enganoso. O burn rate raramente permanece constante. A medida que a startup avanza, aparecen novas necesidades: contratación de perfís clave, investimento en mercadotecnia, desenvolvemento tecnolóxico adicional ou incremento dos custos operativos. Estas decisións aumentan progresivamente o consumo de caixa e reducen o runway real.
Ademais, moitas startups toman decisións anticipando financiamento futuro. É habitual que, tras iniciar conversacións con investidores, se acelere o gasto esperando que a rolda de financiamento se peche en poucos meses. Amplíase o equipo, increméntase o investimento comercial ou adiántanse desenvolvementos estratéxicos. Se o financiamento se atrasa ou finalmente non se materializa, o runway redúcese de forma abrupta. A empresa pasa dunha situación controlada a unha urxencia financeira que condiciona todas as decisións.
Este escenario volveuse máis frecuente en contornas de investimento máis esixentes. As roldas tardan máis en pecharse, os procesos de due diligence son máis longos e os investidores demandan unha maior validación. Isto implica que o runway necesario para operar con seguridade debe ser maior. Planificar con seis meses de caixa pode ser insuficiente se a rolda require nove ou doce meses. Moitas startups descobren esta realidade cando xa comprometeron estrutura e a marxe de manobra é limitada.
Outro aspecto relevante é a calidade do gasto. Non todo consumo de caixa ten o mesmo impacto. Existe unha diferenza clara entre gastar para validar o modelo e gastar para escalar de maneira prematura. O gasto orientado á validación permite reducir a incerteza, mellorar o produto ou confirmar a disposición de pagamento dos clientes. Pola contra, o gasto orientado ao crecemento sen validación aumenta a estrutura sen garantir ingresos futuros. Cando o burn rate se destina a esta segunda categoría, o risco financeiro aumenta significativamente.
Tamén é habitual que o crecemento do gasto non se perciba de forma acumulativa. Varias decisións pequenas, aparentemente asumibles, poden xerar un incremento relevante do burn rate. Unha contratación adicional, unha ferramenta tecnolóxica ou unha campaña de mercadotecnia poden parecer pouco significativas por separado. Con todo, sumadas, reducen o runway de maneira considerable. A startup mantén a percepción de control mentres a caixa se reduce máis rápido do previsto.
Desde unha perspectiva estratéxica, o burn rate debe xestionarse como unha variable dinámica e vinculada a obxectivos. Cada incremento do gasto debería responder a unha hipótese concreta: mellorar a conversión, acelerar vendas xa validadas ou desenvolver unha funcionalidade cun impacto claro. Cando o gasto non está asociado a un obxectivo medible, o consumo de caixa convértese nun risco difícil de xustificar.
A recomendación para unha startup é xestionar o burn rate cunha visión activa e proxectar o runway baixo distintos escenarios de gasto e crecemento. Convén revisar mensualmente o consumo de caixa, analizar o impacto de cada decisión e priorizar investimentos que xeren unha validación real do modelo. Ademais, é recomendable manter unha marxe de seguridade suficiente para afrontar atrasos no financiamento e evitar compromisos estruturais prematuros. Este enfoque permite aumentar a supervivencia do proxecto, negociar desde unha posición máis sólida e construír un crecemento baseado na validación e non unicamente nas expectativas.
Contacta cos nosos expertos da Oficina Económica de Galicia e obtén asesoramento gartuíto.