Indicadores sinxelos de sustentabilidade que pode empezar a seguir unha peme: Medir para mellorar

A sustentabilidade asóciase con frecuencia a declaracións de intencións: compromisos xenéricos, boas vontades, frases ben construídas nunha memoria corporativa. Con todo, para que a sustentabilidade sexa algo máis que un discurso, necesita apoiarse no mesmo que calquera outra dimensión da xestión empresarial: datos concretos que se poidan medir, comparar no tempo e utilizar para decidir. A boa noticia é que empezar a medir non require grandes sistemas nin investimentos complexos; basta con seleccionar uns poucos indicadores básicos e revisalos con regularidade.

Consumo enerxético: o punto de partida máis habitual

O consumo de electricidade e combustible adoita ser o primeiro indicador que calquera empresa pode empezar a seguir, porque xa existe en forma de factura mensual. O relevante non é só o dato absoluto, senón a súa evolución: comparar o consumo mes a mes, ou relacionalo co nivel de actividade (por exemplo, consumo por unidade producida ou por hora de apertura), permite detectar variacións que doutro xeito pasarían desapercibidas. Tamén é relevante identificar o efecto que tiveron medidas de eficiencia xa implementadas pola empresa.

Consumo de auga e residuos xerados

De forma similar, o consumo de auga pode seguirse a partir das facturas da subministración, prestando atención a picos inusuais que poderían sinalar fugas ou usos ineficientes. En canto aos residuos, un indicador sinxelo consiste en rexistrar o volume ou o peso aproximado do que se xera, diferenciando entre o que se destina a reciclaxe e o que non. Este dato, levado con certa constancia, axuda a valorar se as medidas de redución ou separación de residuos están a ter un efecto real.

Materiais reutilizados e compras sostibles

Outro indicador útil, especialmente para empresas que fabrican ou manipulan produtos físicos, é a porcentaxe de materiais reutilizados ou reciclados sobre o total empregado. Non é necesario un sistema sofisticado para empezar: revisar periodicamente que proporción das compras de materiais ou subministracións corresponde a opcións con mellor perfil ambiental —provedores con certificacións recoñecidas, materiais reciclados, embalaxes reducidas…— xa proporciona unha base de seguimento útil e, co tempo, unha tendencia sobre a que traballar.

Emisións asociadas ao transporte

O transporte, tanto de mercadorías como de persoal, é outra fonte relevante de impacto ambiental que admite un seguimento sinxelo. Levar un rexistro dos quilómetros percorridos nos desprazamentos vinculados á actividade —repartición, visitas comerciais, desprazamentos do persoal…— permite, con fórmulas de cálculo estandarizadas e dispoñibles publicamente, estimar de forma aproximada as emisións asociadas, e valorar despois se determinadas medidas, como a optimización de roteiros ou o cambio de provedores loxísticos, reducen efectivamente este impacto.

Aforro conseguido por medidas de eficiencia

Por último, convén rexistrar de forma explícita o aforro económico derivado de medidas de eficiencia xa implementadas, por modesto que sexa. Este indicador pode cumprir diversas funcións, por exemplo:

  • Traduce o esforzo de sustentabilidade a unha linguaxe económica que facilita xustificar novos investimentos;
  • Axuda a manter a motivación interna ao facer visibles resultados concretos en lugar de intencións abstractas;
  • Incluso este rexistro dos aforros ten ademais unha utilidade adicional: existe un sistema oficial, os Certificados de Aforro Enerxético (CAE), que permite acreditar e, en determinadas condicións, comercializar os aforros de enerxía conseguido. Isto supoñería un ingreso extras para a empresa.

Da medición á decisión

Pero, seleccionar estes indicadores non ten sentido se despois non se revisan con certa periodicidade —mensual ou trimestral, segundo o caso— nin se utilizan para algo. A utilidade real de medir aparece cando eses datos permiten comparar, detectar desviacións e, sobre todo, decidir: priorizar un investimento en eficiencia enerxética fronte a outra, axustar un roteiro de repartición, ou revisar a relación cun provedor que non cumpre os criterios ambientais esperados.

En definitiva, non é necesario dispoñer dun sistema de xestión ambiental complexo para empezar a xestionar a sustentabilidade con criterio na empresa. Basta con elixir uns poucos indicadores relevantes para a actividade da empresa, medilos con constancia e converter eses datos en parte habitual da toma de decisións.

Entón Como me pode axudar a Oficina Económica de Galicia no ámbito ECONOMÍA CIRCULAR E SUSTENTABILIDADE?

O ámbito de apoio e asesoramento en Economía Circular e Sustentabilidade da Oficina Económica de Galicia está deseñado para apoiar á túa empresa en todas as diversas áreas, proporcionándoche solucións áxiles e personalizadas que se axusten ás túas necesidades específicas. Así, os expertos involucrados no programa traballarán de cerca coa túa empresa para analizar as túas operacións, identificar áreas de mellora e deseñar unhas estratexias efectivas de implementación. Solicita o teu asesoramento gratuíto.