O márketing invisible

O márketing non comeza cun anuncio. Existen numerosos aspectos que inflúen na percepción dos usuarios e que poden considerarse márketing invisible. 

A idea de fondo é xerar un clima de atracción cara ao cliente que non dependa unicamente dos impactos publicitarios directos, senón que teña en conta que a propia experiencia do cliente tamén vende. 

Elementos visuais 

Diversos elementos que a priori non semellan relevantes poden ter un gran impacto na percepción dos clientes, mesmo antes de coñecer en profundidade unha organización. Aspectos como as cores dun establecemento, a decoración, a disposición do espazo ou a sensación de limpeza contribúen a crear unha imaxe externa da marca. Coidar estes detalles favorece unha mellor percepción inicial por parte dos usuarios. 

Elementos olfactivos 

Os cheiros son un elemento moi potente para conectar cos potenciais clientes, xa que teñen a capacidade de xerar recordos, sensacións e emocións. O obxectivo é que os clientes asocien unha determinada fragrancia á marca, de xeito que, ao percibila noutro contexto, lembren a organización. Ademais, os cheiros poden influír no estado de ánimo dos clientes, favorecendo unha maior receptividade ante ofertas ou propostas de compra. 

Calidade do trato 

Unha boa experiencia convértese en publicidade por si mesma. Garantir esa experiencia require dun servizo rápido e de calidade. A paciencia cos clientes, ofrecer axuda ou simplemente lembrar o seu nome non son, en si mesmos, accións publicitarias, pero contribúen a construír a imaxe de marca. Un cliente satisfeito pode converterse, así, nun canal de márketing máis. 

O boca a boca 

Vinculada á calidade do trato está a publicidade que xeran os propios clientes ao falar da súa experiencia. Un bo servizo, unha atención coidada e un produto de calidade favorecen que os clientes comuniquen de forma positiva a súa experiencia ao seu círculo persoal. Deste xeito, e grazas ao selo de confianza que outorga a opinión dunha persoa próxima, a empresa gaña publicidade e reputación sen necesidade de investir en campañas publicitarias. 

Así, o obxectivo final é construír unha cultura de empresa na que a ambientación, a comunicación e o trato constitúan o seu eixo central, xerando nos potenciais clientes unha primeira impresión atractiva que transmita proximidade e personalización, claves para a diferenciación e a fidelización. 

Se queres traballar estes aspectos do márketing invisible e mellorar a experiencia que ofrece a túa empresa, solicita asesoramento e desde a Oficina Económica de Galicia axudarémosche a coidar cada detalle que contribúe á imaxe da túa marca.