E se o mellor momento para mellorar a túa empresa fose agora?
Sónache a expresión “facer o agosto”? Utilizámola para falar dos negocios que concentran en poucas semanas unha boa parte dos seus ingresos. Pero, en realidade, non todas as empresas “fan o agosto”… en agosto.
Cada sector ten o seu propio calendario.
Mentres moitas empresas aproveitan o verán para baixar o ritmo, outras están vivindo os seus meses de maior actividade. É o caso, por exemplo, das que traballan no sector turístico. Hoteis, restaurantes, guías, axencias de viaxes, empresas de actividades, adegas, pequenos comercios, artesáns… están xa en plena tempada. E bastante teñen con atender aos seus clientes.
O seu “agosto” é agora. É o momento de dalo todo. Xa haberá tempo para parar, facer balance e preparar a seguinte campaña entre novembro e febreiro, cando a actividade diminúa e o día a día conceda un merecido respiro.
Para moitas outras pemes sucede xusto o contrario. O verán é o momento de pisar o freo. De levantar a vista do día a día, analizar como foi o ano ata o de agora. E aproveitar o “pechado por vacacións” para poñerse as pilas de cara á seguinte tempada. É precisamente agora cando moitos equipos dispoñen de algo moi valioso: tempo para pensar.
Baixa a presión do teléfono. Diminúen os correos electrónicos e as reunións. Algúns proxectos quedan en pausa e aparecen pequenos ocos na axenda que durante o resto do ano parecen imposibles. Paga a pena aproveitalos. Non para traballar máis, senón para traballar mellor. E prepararse para setembro, que para moitas empresas é o verdadeiro comezo do ano. É a “volta ao cole” dos negocios. Volven os clientes, actívanse proxectos, arrincan campañas e aparecen novas oportunidades. Convén chegar preparados.
O verán é, por tanto, o momento de poñer a empresa a punto. Igual que revisamos un coche antes de facer unha viaxe longa, paga a pena dedicar un tempo a revisar a maquinaria do negocio antes de que regrese a velocidade de cruceiro. E sen esquecer un detalle importante: setembro ten un mal costume, chega antes do que nos gustaría.
Por iso hai que aproveitar ese tempo “libre” que vale ouro. É o momento de sentarse e pensar con calma. De abordar todas esas pequenas tarefas que sempre deixamos para máis adiante porque nunca parecen urxentes. E de aproveitar esas horas valiosas que tanto escasean durante o resto do ano.
Eu mesma intento reservar uns días no verán para facer exactamente iso. Para organizarme e afrontar o meu traballo doutra maneira. Revisar contas e proxectos, pensar que paga a pena manter e que non, planificar a nova tempada, poñerme ao día nalgúns temas. Ou, simplemente, frear para ordenar ideas.
Cales son esas tarefas que poucas empresas afrontan cando están en plena tempada? Comparto algúns exemplos tirados da miña experiencia como consultora.
- Mellorar a web. Adaptala para que reflicta quen somos de verdade. Comprobar se os textos teñen sentido, renovar fotografías, revisar a usabilidade ou revisar o SEO e o GEO para que os potenciais clientes nos atopen.
- Revisar as redes sociais. Analizar que publicacións funcionaron, cales pasaron desapercibidas. E, sobre todo, preguntarnos se estamos comunicando aquilo que lle interesa á nosa audiencia.
- Repasar as estatísticas e analizar datos. É un bo momento para entrar en GA4, revisar as métricas e analizar o comportamento das nosas redes sociais. De onde chegan os clientes? Que contidos espertan máis interese? En que punto abandonan a páxina? Utilicemos información real para tomar decisións.
- Poñer orde na base de datos. Eliminar contactos duplicados, clientes cos que hai anos que non falamos, correos sen clasificar ou información que podería axudarnos a traballar mellor e que, sinxelamente, nunca se fai. E é vital.
- Actualizar o material comercial. O verán tamén pode ser un bo momento para actualizar ese dossier comercial que sempre acabamos enviando ás présas. Para revisar unha presentación corporativa e/ou analizar o modelo de negocio con algo máis de perspectiva. Porque unha empresa cambia. Os clientes cambian. O mercado cambia. E a comunicación tamén.
- ¿E que tal se aproveitamos para formarnos e poñernos as pilas coa Intelixencia Artificial? Nos últimos meses escoitei de todo. Profesionais que me din: “Iso non vai comigo”. Fronte a outros convencidos de que “a IA faino todo”. Na miña opinión, nin unha cousa nin a outra.
Ben utilizada, a IA pode aforrar moito tempo. Axuda a investigar, ordenar información, preparar propostas, redactar un primeiro borrador, resumir documentos ou xerar ideas. Pero o criterio, a experiencia e as decisións seguen sendo responsabilidade das persoas. Probamos?
En resumo, o verán é un bo momento para mirar a túa empresa desde outra perspectiva. Ver o que a rutina nos impide ver, ordenar prioridades e definir un plan de traballo realista. Pero ollo! Setembro vai chegar rápido, fagamos ou non os deberes. A diferenza estará en como imos chegar a ese momento.
Porque as empresas que parecen reaccionar máis rápido non improvisan. Simplemente aproveitan os meses de menor actividade para pensar e tomar decisións que marquen o rumbo da nova tempada.
Ao fin e ao cabo, como dicía ao principio, cada proxecto ten o seu propio “agosto”. Pero todas as empresas necesitan, tarde ou cedo, deterse un momento, levantar a vista e decidir cara a onde queren seguir medrando. Axudámoste nese proceso?
Non o dubides e solicita asesoramento especializado gratuíto da man da Oficina Económica de Galicia e impulsa a túa empresa.