Sustentabilidade na cadea de subministración: como prepararse para clientes que xa piden datos ambientais

Ata hai pouco, as esixencias de información ambiental limitábanse case exclusivamente ás grandes empresas obrigadas por normativa a reportar o seu impacto (memoria ASG ou ESG). Con todo, esta dinámica está a cambiar de forma silenciosa pero firme: cada vez máis pequenas e medianas empresas, sen estar directamente obrigadas por ningunha lei, reciben solicitudes de clientes ou de grandes compañías pedíndolles datos concretos sobre a orixe dos seus materiais, o seu consumo enerxético ou as súas prácticas de xestión de residuos. Quen non estea preparado para responder a estas peticións pode ver comprometida unha relación comercial, ou perder a oportunidade de acceder a novos contratos.

Por que chegan estas solicitudes

O motivo deste cambio ten unha explicación sinxela: as grandes empresas que si están obrigadas a reportar o seu impacto ambiental —por normativa europea de información corporativa ou por compromisos voluntarios de sustentabilidade— necesitan, á súa vez, datos de toda a súa cadea de subministración para poder elaborar ese informe. Como boa parte da súa pegada ambiental procede dos produtos e servizos que compran a terceiros, trasladan esa necesidade de información cara aos seus provedores, sexa cal for o seu tamaño.

Isto significa que unha pequena empresa pode atoparse, sen buscalo, respondendo a cuestionarios de sustentabilidade simplemente por formar parte da cadea de subministración dun cliente máis grande. E esta tendencia, lonxe de ser puntual, vai intensificarse nos próximos anos, a medida que máis compañías asuman este tipo de obrigacións de información.

Que tipo de información adoita solicitarse

Aínda que cada cliente pode expor os seus propios requirimentos, existen bloques de información que se repiten con frecuencia. O primeiro ten que ver coas materias primas e os materiais empregados: a súa orixe, se proceden de fontes certificadas, ou que proporción corresponde a materiais reciclados ou reutilizados. O segundo bloque refírese os consumos propios da actividade —enerxía, auga— e aos residuos xerados, incluíndo como se xestionan e que porcentaxe se recicla.

O transporte e a loxística constitúen outro bloque habitual, especialmente cando existen varios provedores intermedios entre a materia prima e o produto final, xa que as distancias percorridas afectan directamente á pegada de carbono asociada. Por último, non é infrecuente que se solicite información sobre certificacións existentes, políticas internas de sustentabilidade, ou evidencias de boas prácticas laborais e ambientais na cadea de provedores propia.

Rastrexabilidade: saber explicar de onde vén cada cousa

Un dos conceptos que aparece con máis frecuencia neste tipo de solicitudes é a rastrexabilidade: a capacidade de seguir o rastro dun produto ou material ao longo das distintas fases da súa produción e distribución. Non se trata unicamente de saber que provedor forneceu un material, senón de poder documentar, se é necesario, de onde procede ese provedor á súa vez, que procesos seguiu e que condicións ambientais ou laborais interviñeron no camiño.

Para unha peme, avanzar en rastrexabilidade non implica necesariamente sistemas tecnolóxicos sofisticados. Con frecuencia, basta con manter un rexistro ordenado de provedores, documentación de orixe e certificados dispoñibles, de maneira que esa información poida recuperarse con rapidez cando se solicite, en lugar de ter que reconstruíla de urxencia ante cada petición.

Como empezar a prepararse

O primeiro paso razoable consiste en facer un inventario da información que a empresa xa posúe —facturas, certificados, fichas técnicas de provedores…— e detectar que ocos existen respecto aos bloques de información mencionados anteriormente. A partir de aí, convén establecer unha relación máis sistemática cos propios provedores, solicitándolles de forma habitual os datos que previsiblemente se necesitarán máis adiante, en lugar de pedilos só cando un cliente reclámaos con urxencia.

Adoptar esta perspectiva con antelación non só evita situacións incómodas fronte a algúns clientes, tamén mellora o coñecemento interno da propia cadea de subministración, o que con frecuencia revela oportunidades de mellora que antes pasaban desapercibidas.

Entón Como me pode axudar a Oficina Económica de Galicia no ámbito ECONOMÍA CIRCULAR E SUSTENTABILIDADE?

O ámbito de apoio e asesoramento en Economía Circular e Sustentabilidade da Oficina Económica de Galicia está deseñado para apoiar á túa empresa en todas as diversas áreas, proporcionándoche solucións áxiles e personalizadas que se axusten ás túas necesidades específicas. Así, os expertos involucrados no programa traballarán de cerca coa túa empresa para analizar as túas operacións, identificar áreas de mellora e deseñar unhas estratexias efectivas de implementación. Solicita o teu asesoramento gratuíto.